"AQUÍ ALGUÉN FIXO ALGO MAL NO SEU DÍA E É UNHA MÁGOA QUE SE FORAN DE ROSITAS”

Inúndase por 3ª vez en 4 anos a biblioteca do Temple

Biblioteca do Temple
Biblioteca do Temple

Carballada supervisa os traballos e anuncia que mañá será restituido o servizo ao tempo que se inciarán os trámites para evitar que volva acontecer

Inúndase por 3ª vez en 4 anos a biblioteca do Temple

As traballadoras municipais da Biblioteca Pública Os Templarios, localizada nas inmediacións da ribeira cambresa da ponte medieval do Burgo, atopáronse na mañá deste luns 23 de xaneiro cun panorama desolador ao inicio da súa xornada laboral, minutos antes das 10 da mañá:

O colapso dunha arqueta de augas fecais situada na sala de lectura da biblioteca provocou que os urinarios do espazo cultural vomitaran máis de 300 litros de augas residuais que anegaron a sala de adultos do recinto cultural acadando en determinadas zonas unha altura de 12 centímetros.

A auga mesturada con excrementos e demais lixos non só penetrou nos baixos da maior parte do mobiliario da instalación, se non que enchoupou un número considerábel de libros e o que é peor desde un punto de vista loxístico e económico, penetrou nos computadores centrais da biblioteca, imposibilitando o acceso ás bases de datos e ao programa Meiga de Xestión de bibliotecas, dependente da administración autonómica.

Tan axiña como tiveron coñecemento dos feitos, a directora das bibliotecas de Cambre, Ángeles Roca, e o concelleiro de Cultura, Dani Carballada, presentáronse nas dependencias municipais para facer unha completa avaliación dos danos e pór en marcha as medidas necesarias para emendar o antes posíbel o servizo de lectura e préstamo bibliográfico interrompido pola pestilente enchente.

En palabras do edil de Cultura “inmediatamente mobilizouse á brigada municipal de obras e servizos que interrumpeu a súa xornada laboral para realizar as tarefas de baleirado do local e instalou dous deshumidificadores industriais dos que dispón o Concello”. Así mesmo relatou Carballada “persoal técnico de Augaservi procedeu a desatascar, con carácter provisorio, a pipeta colapsada na arqueta de fecais e empregados da empresa Xalo, concesionaria da limpeza, procederon a unha completa limpeza en detalle da instalación que culminará co uso de líquidos e material desinfectante”.

O concelleiro de Cultura informou de que “atendendo aos criterios dos profesionais e de común acordo coa directora das bibliotecas, a sala para adultos non volverá abrir até o martes, ofrecerá tamén o servizo de préstamo pero as traballadoras deberán cumprimentar ditos trámites de xeito manual, sen soporte informático algún”.

Carballada especificou que “aínda que só a sala de adultos está afectada, o sistema de préstamo do espazo infantil tampouco vai funcionar ao estar inutilizado o computador central, é por iso que, dende xa, está a traballar o departamento informático do Concello coa Xunta de Galiza para solventar o problema á maior brevidade”.

“Queremos pedir perdón aos veciños e veciñas do Temple. É a terceira vez en 4 anos que esta biblioteca se inunda, un auténtico despropósito. O seguro da comunidade díxonos que até mañá non se presentaría na biblioteca polo que realizamos unha completa reportaxe gráfica e unha pequena relación testemuñal para empregar en caso de necesidade. Con toda seguridade, unha vez máis, o seguro da comunidade do edificio terá que facerse cargo da desfeita pero mañá mesmo, na xunta de goberno local que se celebra as 8 da mañá imos poñer en marcha con total determinacióin e firmeza os mecanismos axeitados para conseguir solventar o problema dun sistema de arquetas deficitario, mal deseñado e peor construído que torpedea cada certo tempo un servizo municipal básico para toda a parroquia do Temple”.

A maiores, Carballada, deu as indicacións precisas para solventar a problemática existente coa empresa encargada da calefacción do recinto e lembrou que a eléctrica Instelec fará unha valoración en detalle do estado da instalación eléctrica unha vez remita a auga e a humidade que colapsa a biblioteca. Apuntou finalmente o edil que “aquí alguén fixo algo mal no seu día e é unha mágoa que se foran de rositas”.